Medio Ambiente apoia a posta en marcha do proxecto ‘Non somos de plástico’

A Concellería de Medio Ambiente, a través da convocatoria Cultura Ambiental, apoia a posta en marcha do proxecto Non somos de plástico, unha iniciativa promovida pola Asociación veciñal do Castrillón-Urbanización Soto-IAR, e que ten como finalidade concienciar á cidadanía sobre a necesidade de redución de uso deste material. A edil María García salienta que esta proposta de autoxestión cidadá “entronca coa liña de traballo que está a seguir o Concello, a través da diversificación de actividades de sensibilización dirixidas a todo o espectro da poboación, e en especial á mocidade, tal e como se fixo a través da campaña de concienciación Móllate!, pero tamén aquelas accións postas en marcha para acadar eventos máis sustentables, como na celebración das festas da cidade”.

Entre a serie de actividades organizadas pola entidade veciñal, atópase un concurso de vídeo dirixido á mocidade que ten como finalidade sensibilizar á poboación xuvenil en relación “ao problema ambiental do plástico”. Ao concurso pode presentarse o alumnado de educación secundaria ou bacharelato da cidade e, co obxectivo de fomentar a participación, deberán facelo a través de grupos conformados por entre 3 e 5 integrantes. As propostas audiovisuais, que terán unha duración máxima de 5 minutos, poderán ser gravadas desde calquera tipo de dispositivo móbil ou medio audiovisual, en formato horizontal, e deberá evidenciar esta problemática ambiental, así como a necesidade da redución do seu uso ou a súa reutilización. Tal e como sinala a asociación veciñal, haberá premios para os tres mellores traballos que, posteriormente, se divulgarán a través de redes sociais e outros medios. O prazo de presentación de propostas –que se deben enviar ao correo asociacion_iar@hotmail.com rematará o vindeiro luns 11.

O proxecto Non somos de plástico tamén procurará chegar a diferentes públicos, e celebrará así unha mesa redonda o vindeiro xoves, 14 de decembro, ás 19.00 horas, no salón de actos do centro cívico do Castrillón, na que se abordarán cuestións en relación ao uso de plásticos e alternativas ao mesmo, así como o consumo consciente e responsable. Contará coa participación de representantes de diversas entidades relacionadas co medio ambiente e o consumo responsable. A entrada á charla é libre.


Publicidad

Los comentarios están cerrados.

Sube ↑

* Tanto el blog del Castrillón como sus redes sociales son administradas por vecin@s que viven en el barrio y que no pertenecen a ninguna asociación vecinal ni partido político.