Proxecto piloto no CEIP Fernández Latorre para a apertura do patio ao uso da veciñanza fóra do horario lectivo

A concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, que ten as competencias municipais na área de Educación, presentou este mércores o programa Aberto ao barrio, un proxecto piloto de apertura de centros educativos fóra de horario lectivo dirixido a permitir o uso das instalacións deportivas exteriores por parte da veciñanza. Como avanzou, o programa comezará a finais deste mesmo mes e durante o curso escolar no CEIP Juan Fernández Latorre, “co que damos cumprimento a unha das nosas medidas do programa electoral e a unha reivindicación histórica das ANPA e de varios centros educativos da cidade”. Tal e como sinalou, o novo programa, que comezará coa apertura deste patio os venres, en horario de 18.00 a 20.00 horas, e os sábados, domingos e festivos, de 16.00 a 20.00 horas,  ten como obxectivo principal poñer a disposición da cidadanía equipamentos deportivos que xa existen na cidade, como canchas de baloncesto e campos de fútbol, para que todas as nenas e nenos da zona poidan usar estes recintos no seu tempo de ocio e lograr que a escola non sexa vista como algo alleo ao barrio.

“Para nós, os patios abertos constitúen un elemento integrador e estamos convencidas de que un centro educativo coas portas abertas se traduce nunha cidade máis avanzada e inclusiva; por iso, esta experiencia é so a semente dun proxecto máis ambicioso, xa que a intención deste goberno é estendela a máis colexios”, avanzou a concelleira, quen reivindicou o acceso aos centro de ensino como “estímulo para a creación de puntos de encontro, de xeración de espazos de ocio alternativo e de participación”. “En definitiva, entendemos que esta é unha iniciativa que reverte dun xeito moi positivo non só na mellora da calidade de vida das persoas senón que tamén permite unha axeitada optimización das instalacións deportivas nas respectivas zonas de influencia dos centros”, valorou Cameán, quen sinalou que a experiencia neste primeiro centro de educación infantil e primaria permitirá valorar a posibilidade de estender a iniciativa a centros de ensino secundaria nun futuro.

Para poñer en marcha este proxecto no CEIP Juan Fernández Latorre, o Concello vai a ofertar e financiar un servizo de conserxería, que se encargará da apertura e peche das instalacións, así como un de vixilancia do centro durante o tempo que permaneza aberto para o seu uso por parte da cidadanía. Igualmente, ofrecerá un servizo de dinamización deportiva, que realizará o deseño das actividades en función do grupo. Este será o encargado de impulsar a participación nas actividades, e así mesmo ocuparase de escoitar e reorientar as propostas iniciais en función da demanda e de avaliar as actividades que se desenvolvan, de cara a unha futura ampliación do programa. Ademais, o Concello habilitará un seguro de responsabilidade civil, para asumir calqueira incidencia que se poida derivar da realización das actividades.


Publicidad

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Sube ↑

* Toda la publicidad mostrada en el blog es gratuita, los administradores del blog no perciben remuneración a cambio de ella.

** Tanto el blog del Castrillón como sus redes sociales son administradas por vecin@s que viven en el barrio y que no pertenecen a ninguna asociación vecinal ni partido político.

error: Contenido protegido, contacta con correo@barriodocastrillon.es en caso de alguna duda.